O Concello de Marín fai un balance moi positivo das Festas da Virxe do Porto
Por Redacción
Despois dunha fin de semana chea de actividades debido á celebración das Festas da Virxe do Porto, a Concellaría de Cultura de Marín fixo un balance "moi positivo" e considera que a programación se adaptou a todas as idades e gustos.
Desde o Concello queren destacar o éxito que tiveron algunhas actividades como a actuación do grupo Máis Cantos, o Memorial VIII Antonio Fernández, e a actuación do grupo Broken Peach.
A partir deste martes, e con motivo das festas de San Miguel, empezarán os traballos para decorar a vila onde se colocarán as lonas con fotos históricas da festa estampadas ao longo de todo o percorrido da procesión, que terá lugar o domingo 29 de setembro.
Por último, e como novidade para a festa, no farol da Praza de España e nos farois da Avenida de Ourense colgaranse unhas cintas de satén, de 15 centímetros, das cores da Danza de Espadas, branco, vermello e azul, estética da expresión cultural máis importante da festa.