A coral Bella Helenes pon fin ás Festas do Pelete na Lama
Por Redacción
As Festas do Pelete organizadas na honra da Virxe dos Remedios remataron coa actuación da Coral Bella Helenes do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra. A xornada incluíu neste lugar da parroquia de Covelo, no Concello da Lama, unha misa cantada e unha procesión arredor da igrexa e do carballo centenario.
Centos de veciños do Pelete e de diversos lugares da comarca do Verdugo-Oitavén déronse cita diante da capela da Virxe dos Remedios para asistir á misa solemne de campaña oficiada polo cura párroco don Juan Manuel Fernández e que contou coa participación da Coral 'Bella Helenes'.
Ao rematar o oficio relixioso a directora da coral tomou a palabra e adicou aos presentes 'La Virgen Rociera', que foi cantada na honra do Pelete adaptando a popular canción a esta localidade do concello da Lama.
Acto seguido procedeuse a realizar a tradicional procesión, que partiu das inmediacións da capela da Virxe dos Remedios e rodeou todo o espazo festivo pasando por debaixo dunha das pólas do carballo centenario do Pelete.
A continuación, tivo lugar un concerto, con pezas que foron intercalando un repertorio popular que motivou o aplauso e o agradecemento do numeroso público presente, entre os que se atopaban moitos emigrantes residentes en México que aproveitan esta celebración para pasar uns días de vacacións en compañía das súas familias.