Veciños da Caeira e Boavista, preocupados polo "esaxerado" incremento de drogodependentes
Por Redacción
Aumenta a preocupación nos barrios da Caeira e Boavista pola cada vez maior presenza de drogodependentes que pasan pola zona camiño do Vao. Tanto é así que os veciños organizáronse nunha nova asociación e solicitaron reunións urxentes coas autoridades para expresarlles o seu malestar.
En concreto, a Agrupación Veciñal da Caeira e Boavista rexistraron peticións de reunión co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, xa que consideran que o incremento deste tránsito creceu de maneira "esaxerada".
O colectivo reclama solucións ante un problema que, segundo denuncian, ocasiona inseguridade para os peóns e vehículos que circulan pola zona, xa que algúns coches "son conducidos en moitas ocasións por persoas que van baixo os efectos de substancias ilegais".
Ademais, os veciños apuntan que a saúde pública tamén corre perigo, xa que diariamente os drogodependentes paséanse e consomen nos arredores do barrio, "utilizando se fai falta as fontes públicas para limparse o sangue das picadas e defecan e ouriñan alá por onde lles convén".
A deterioración hixiénica sanitaria da zona "vai en declive e a un ritmo moi acelerado", asegura esta asociación veciñal, que lembran que en ambos os barrios hai varios centros de educación que tamén se están vendo afectados por esta situación.
"Son moitos os que comentan que non se atreven a cruzar andando por lugares do barrio por medo a poñer en perigo a súa seguridade", apunta a Agrupación Veciñal da Caeira e Boavista, que espera que as autoridades tomen cartas no asunto antes de que sexa demasiado tarde.
Relacionadas:
-
Unha muller acaba no hospital tras un violento 'tirón' en plena rúa na Caeira
Por Natalia Puga |
-
A Garda Civil e a Policía Local reforzarán a vixilancia nos accesos do poboado do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
Poio convoca a Mesa Local de Seguridade para abordar a situación da parroquia de San Salvador
Por Redacción |