O asfaltado da Rúa da Estación obriga a cortes de tráfico durante dous días
Por Redacción
Tras rematar as obras da nova beirarrúa, a Rúa da Estación terá que cortarse ao tráfico parcialmente durante os dous próximos días, o luns e o martes, para pavimentar un dos seus carrís.
Os horarios de peche serán de 08.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.30 horas. O fresado se fará na xornada de mañá e o asfaltado será o martes.
O plan de tráfico recolle que se pechará o sentido circulatorio dende Eduardo Pondal cara a rúa Josefina Arruti. A entrada á cidade non se verá afectada e a saída dende Eduardo Pondal farase por Otero Pedrayo cara o cruce do Marco. Fóra do horario de traballo a rúa queda totalmente aberta á circulación en ambos sentidos.
A pasada semana a empresa adxudicataria da obra do Gorgullón, que incluía como mellora esta actuación, rematou a beirarrúa da Rúa da Estación en sentido Eduardo Pondal e Josefina Arruti.
Esta intervención consistiu na demolición da vella beirarrúa para crear unha nova co mesmo estilo ca reforma do Gorgullón e a praza creada na rotonda da avenida Josefina Arruti.
Colocáronse lastros vermellos e grises e pechouse a beirarrúa cunha faixa de pedra. Tamén se deu máis altura ao valado de pedra da ponte sobre o Gafos engadíndolle unha nova tira de pedra de cantería, para que así cumpra a normativa actual.