En Pontevedra 8.034 escolares de educación infantil, primaria e especial comezarán o curso o vindeiro mércores
Por Oskar Viéitez
O mércores 11 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de infantil, primaria e educación especial.
No concello de Pontevedra comezarán o curso escolar 2.390 nenos de educación infantil, 5.577 rapaces de primaria e 100 de educación especial. Fan un total 8.034 alumnos, dos que un 33 % acode a un centro privado ou concertado segundo os datos provisionais recompilados pola Consellería de Educación.
En Educación Infantil na provincia de Pontevedra son 14.774 alumnos en centros públicos, 6.801 alumnos en centros privados concertados e 486 alumnos en centros privados non concertados. A Xunta sinala que nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español se incrementou case un 19% respecto do curso anterior.
En Educación Primaria na provincia de Pontevedra son 35.585 alumnos os matriculados en centros públicos, 15.057 alumnos nos centros privados concertados e 1.290 alumnos nos centros privados non concertados.
No que atinxe á Educación Especial, o número estimado de matriculados para este curso na provincia de Pontevedra é de 196 sendo 311 os alumnos dos centros privados con concerto.
O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, tras as modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais.