DepoAventura 2019, uns campamentos libres de reggaeton
Por Oskar Viéitez
Este sábado remata a última quenda dos campamentos da Lanzada, DepoAventura 2019. Segundo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, esta iniciativa "volveu a acadar un éxito de participación", cun total de 2.199 rapaces de entre 8 e 13 anos da provincia que tomaron parte nas actividades iniciadas o 23 de xuño e nos que "non houbo reggaeton".
A presidenta fixo este último comentario para salientar que este ano, como principal novidade, a institución provincial espallou nestes campamentos os principios de igualdade.
Así, en todas as actividades usouse linguaxe inclusiva e se traballou para dar visibilidade ás mulleres dos distintos ámbitos profesionais máis asociados aos homes, como as profesións técnicas, co obxecto de poñer en valor o papel daquelas que lograron e logran fitos importantes neses ámbitos.
A oferta do programa garantiu ademais, a participación paritaria de xénero e prestouse especial atención, ademais da linguaxe inclusiva, á realización de actividades lúdicas cun obxectivo educativo en prol da igualdade de xénero.
Neste senso Carmela Silva sinalou que revisáronse as letras e os contidos dos temas musicais para non incluir contidos sexistas ou discriminatorios "deste xeito nos campamentos da Lanzada non houbo reggaeton, non é ningunha broma, hai que escoitar as letras son terribles e xeneran un modelo que non podemos consentir".
Por outra banda, en cada unha das quendas celebrouse unha actividade de sensibilización sobre a xordocegueira coa Organización de Xordos de Galicia (XOGA), para tratar de dar maior visibilidade á realidade que viven as persoas que a padecen e a cuestións como a linguaxe de signos.
Este ano presentáronse un total de 3.713 solicitudes para os campamentos, cuxas prazas decidíronse por sorteo. Do total das prazas, a Deputación reservou 315 para que familias en situación de risco e exclusión social puidesen asistir aos campamentos de xeito gratuíto.