Filgueira e Tenorio celebran as súas festas coa Carreira de Tiro do Carro e a actuación de El Combo Dominicano
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade encherase de festas esta fin de semana.
Por unha banda, na aldea de Filgueira celebraranse as festas da Virxe dos Remedios que arrincarán o sábado 7 con pasacalles a cargo da agrupación Algeirada, misa solemne ás 12:00 horas cantada polo Coro de Cerdedo, animación de tarde coa charanga Radio Tropical, a Carreira de Tiro do Carro, a verbena con CQC e Area e a actuación do humorista estradense Pablo Chichas.
O principal atractivo do sábado é a xa nomeada Carreira de Tiro do Carro que celebrará a súa décimo cuarta edición a partir das 18:30 horas. A competición conta cun percorrido de 120 metros, cunha forte pendente nos últimos 20 e unha curva pechada de 90 graos na que os participantes terán que atravesar a meta no menor tempo posible cun xugo aos ombreiros para arrastrar un carro de vacas tradicional.
En total repartiranse 600 euros en premios e produtos gastronómicos en función da categoría na que se compita.
As festas finalizarán o domingo coa celebración dunha misa solemne cantada polo Coro Rociero.
Con respecto á aldea de Tenorio celebraranse as festas do Rosario, o Carmen e San Roque. Terán unha duración de catro días empezando o sábado 7 e prolongándose ata o martes 10.
As festas inauguraranse con pasarrúas durante a tarde do sábado, o concerto da Banda de Cerdedo, a verbena co grupo Estrellamar e a disco móbil de Kyoto FM.
O domingo actuarán Os Trazantes, a Banda de Música de Tenorio, será a misa solemne cantada polo coro parroquial e por último, a verbena amenizarana as orquestras Compostela e Passarela.
O luns 9, ademais da misa solemne, actuarán ao longo do día a charanga Charandonga e a Banda da Escola de Música de Tenorio. A noite estará protagonizada polas orquestras Gran Parada e Furacán.
Por último, o domingo 10 celebrarase o oficio solemne cantado polo coro parroquial, actuará o grupo folclórico Foula e será a verbena de despedida na que cantará a orquestra Capitol e a actuación estrela do Combo Dominicano.