A CIG denuncia a Saraiva por irregularidades laborais e de atención aos usuarios dos centros de maiores
Por Redacción
O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde e Xaquín Agulla, integrante deste sindicato, acompañados por dúas traballadoras de Saraiva denunciaron este venres as prácticas laborais e de atención desta empresa que se dedica ao coidado de persoas da terceira idade.
A empresa conta cun centro na rúa Don Gonzalo de Pontevedra, e outros dous, nos municipios de Marín e de Poio, ademais de encargarse da axuda do servizo a domicilio en Vilanova de Arousa. En total, segundo o sindicato nacionalista, conta con máis de 60 traballadores (a gran maioría, mulleres) no seu plantel.
O 22 de xullo, unha asemblea de traballadoras decidiu convocar as eleccións sindicais ante a necesidade de constituír un comité de empresa representativo que servise de canle de diálogo coa dirección para tratar algunhas cuestións relativas á prestación de servizos, que segundo algunhas das empregadas, son mellorables.
O 31 de xullo, o Centro situado en Don Gonzalo recibía unha inspección de técnicos da Xunta. Segundo a CIG, a empresa fora avisada previamente e como consecuencia se desmantelaron as habitacións de residentes para convertelas en salas de repouso e varios usuarios do centro de día foron retirados pola mañá para realizar un paseo pola cidade mentres acudían os inspectores. "Coma se fosen patacas", sinalaba Xaquín Agulla para indicar que esta práctica se levaba a cabo porque a empresa excede a cota de usuarios autorizada para as prazas adxudicadas.
Ademais, Agulla sinala que 14 persoas totalmente dependentes xantan nun comedor onde a temperatura supera os 27 graos, unha situación que a candidatura da CIG denunciaba. Por este motivo, segundo Xaquín Agulla, a dirección decide despedir, ao día seguinte da inspección, a tres traballadoras que figuran na candidatura deste sindicato. Unha situación que foi denunciada por vulneración de dereitos fundamentais do persoal.
Ante esta denuncia, a empresa envía cartas de readmisión ás tres traballadoras o 3 de setembro. Dúas delas incorpóranse e outra decide non retornar a esta actividade. Unha das traballadoras readmitida sofre posteriormente un accidente laboral e o sindicato comproba que non foi dada de alta na Seguridade Social. Ante estas irregularidades, a CIG vai presentar demandas ante a autoridade laboral e no xulgado do Social.
Agulla afirma que tamén espera que a Fiscalía entre de oficio no caso e, de non ser así, acudirá o propio sindicato achegando as probas necesarias para que se regulen estas situacións "sumamente graves".