Pontevedra non aplicará a suba "brutal" do IBI de ata un 61% que permitirá o Goberno
Por Alejandro Espiño
O decreto que publicou o Goberno no BOE do pasado 29 de xuño aplica novos impostos ao tabaco e ao alcohol, coa excepción do viño e a cervexa, pero tamén abre a porta a un "aumento brutal" do IBI, segundo o goberno municipal. Así o asegurou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, que cifrou ese posible aumento entre un 40 e un 61 por cento, en función da zona na que estean situadas ditas vivendas.
Isto é debido, explicou Raimundo González, a que o Goberno faculta aos concellos a que se non teñen ponencias catastrais de máis de cinco anos, poidan pedir unha revisión por coeficiente de dito valor. ÿ dicir, aumentaríase o valor catastral da vivenda con respecto a 2001, o que incrementaría o pago do IBI entre un 40% (o que subiu o IPC desde entón) e un 61,1% (o que se revalorizou o prezo da vivenda).
En todo caso, o concelleiro nacionalista afirmou que o goberno municipal está "radicalmente en contra" desta medida do Goberno e adianta que o Concello de Pontevedra "non vai a solicitar esta revisión por coeficiente". Criticou ademais que se plantexara esta posibilidade "nunha situación como a actual na que diminuiu a renda das familias" e porque entende que "non ten en conta a capacidade económica das persoas, senón tan só o ben en si".
Raimundo González criticou tamén o aumento do IBI ordenado polo Goberno hai dous anos, de ata un 10 por cento, unha medida que ía ser transitoria e excepcional ampliouse, en virtude deste decreto, ata 2016, "é dicir cinco anos máis".
OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO
Ademais, a Xunta de Goberno acordou adxudicar á empresa Enmacosa a asistencia técnica para a montaxe das atraccións das festas de Santiaguiño e da Peregrina. Recibirán 35.000 euros para revisar a seguridade de cada unha delas. E aprobouse tamén actualizar o prezo do contrato de Elsamex para o coidado dos xardíns públicos. Subirá pouco máis dun 5% debido á suba do IVE e do IPC. A factura mensual sitúase nuns 34.000 euros.