A Garda Civil intercepta un veciño de Sanxenxo que conducía sen un brazo, ebrio e co carné caducado nun vehículo non adaptado
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil sorprendeu a un veciño de Sanxenxo, que padece unha discapacidade física pola perda dun brazo, conducindo un vehículo sen estar adaptado ás súas limitacións.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon o pasado martes no transcurso dun punto de verificación de alcol e drogas que tiña establecido unha patrulla do Destacamento de Tráfico de Pontevedra na estrada EP-9205, á altura de Fontoira no municipio de Sanxenxo.
Ás 17:20 horas da tarde interceptaron a este veciño de Sanxenxo, de 59 anos, ao que lle faltaba unha das extremidades superiores, cando conducía un vehículo que non estaba adaptado para esa limitación. Ademais, esta persoa deu positivo na proba de alcoholemia, cunha taxa de 0,41 mg/l en aire expirado e tamén se puido constatar que tiña o permiso de conducir caducado desde fai máis de dez anos.
Toda esta serie de graves irregularidades que poden supoñer un grave risco, tanto para a súa integridade física como para o resto dos usuarios, foron denunciadas por vía administrativa. Ao mesmo tempo os axentes procederon á inmobilización do vehículo e formularon unha proposta de revogación do permiso de conducir por perda das aptitudes psicofísicas.