As festas obrigan a cortes de tráfico en Taboadelo durante a tarde e noite deste venres
Por Redacción
Esta fin de semana chegan as Festas de Taboadelo, en honra á Virxe do Consuelo. Ante este evento, o Concello de Ponte Caldelas anuncia cortes de tráfico durante este venres 6 de setembro.
Vai levarse a cabo un corte de circulación rodada na estrada provincial que comunica A Reigosa con Soutomaior, comezará ás 16.00 horas e durará ata as 06.00 horas da madrugada do sábado. A zona afectada atópase entre Zamaque ata o centro da parroquia.
O motivo é a instalación do escenario das orquestras Paladium e Ritmo Novo. A alternativa a esta vía será a través do acceso ao campo de fútbol da Cruz do Brasil.
Ao longo do sábado volverase á normalidade porque as festas que continuarán durante toda a fin de semana desenvolveranse sen cortes de tráfico. As orquestras do sábado 7, Formas e o Dúo Marea, montarán o seu escenario no recinto da festa.
O outro corte de tráfico previsto chegará o domingo 8 de setembro con motivo da misa en honra á Virxe do Consuelo. Será ás 13.15 horas na Igrexa de Taboadelo. O corte afectará a contorna do edificio relixioso, durante a procesión, entre as 13.30 e as 14.30 horas.