Feijóo e Cubela pactan un investimento de nove millóns en Cerdedo-Cotobade ata 2023
Por Redacción
Durante os próximos catro anos, ata o 2023, a Xunta de Galicia investirá ata nove millóns de euros en Cerdedo-Cotobade. Así se recolle na axenda de traballo que analizaron este mércores o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde do municipio, Jorge Cubela.
Sobre a mesa están unha decena de actuacións dependentes do executivo galego que están activas ou xa deseñadas para o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Feijóo e Cubela falaron do saneamento de Tenorio, que está en marcha con 1,8 millóns de euros de custo e a previsión do seu remate en 2020; a residencia da terceira idade de Cerdedo, tamén en obras cun investimento de 1,7 millóns de euros e que concluirá o vindeiro ano; ou as obras de rehabilitación funcional do CEIP de Tenorio, orzamentadas en 600.000 euros.
Tamén comentaron o estado da segunda fase do Centro de Fauna Salvaxe de Carballedo, que xa está adxudicada e á que se destinarán 300.000 euros; a segunda fase da rehabilitación das vivendas de mestres de Cerdedo, en licitación por 750.000 euros; ou o plan especial para a mellora integral da estrada Cerdedo-Caroi por 2,6 millóns de euros.
Na xuntanza, por último, analizouse o recente remate da primeira fase da reforma da estrada PO-230 Serrapio-Vichocuntín e a necesidade de abordar a súa continuidade; ou a conclusión da obra na estrada PO-234 Augasantas-Portasouto e o próximo inicio dos traballos para darlle continuidade ata Ponte Caldelas.
Ademais destas cuestións, Cubela informou ao presidente de que a rehabilitación integral dos Baños de San Xusto, financiada pola Xunta con 686.000 ao abeiro do primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia, está en fase de contratación.
O alcalde destacou que esta reunión con Núñez Feijóo foi "moi satisfactoria", xa que serviu para poñer as bases do que van a ser os servizos e os investimentos que os veciños de Cerdedo-Cotobade "merecen para os catro próximos anos.
A partir de agora, o rexedor perfilará todos os proxectos pormenorizadamente cunha xira de encontros, a manter nos vindeiros meses, con todos os conselleiros da Xunta.
Relacionadas:
-
A rehabilitación integral dos Baños do San Xusto será unha realidade en 2020
Por Redacción |
-
Finalizan as obras do Plan de Vias de Carballedo
Por Redacción |
-
A nova residencia de maiores de Cerdedo deixa ver xa a súa estrutura
Por Redacción |
-
Filgueira e Tenorio celebran as súas festas coa Carreira de Tiro do Carro e a actuación de El Combo Dominicano
Por Redacción |
-
Tras acadar a promesa de 2,6 millóns de euros da Xunta, Cubela impulsará a reforma da estrada Caroi-Cerdedo
Por Redacción |
-
As melloras enerxéticas no CEIP de Tenorio ascenden a 510.000 euros
Por Almu Dapena |
-
Os Baños de San Xusto reconverteranse en balneario, saunas e pozas termais
Por Redacción |