Retómanse as obras de renovación do pavimento na autovía do Salnés
Por Redacción
Este luns 2 de setembro, unha vez pasadas as datas principais de movemento circulatorio do verán, a consellería de Infraestruturas e Mobilidade retoma as obras para renovar o pavimento da Autovía do Salnés (AG-41).
Durante esta primeira semana do mes darase continuidade aos traballos que se iniciaban en xuño e que se suspenderon a primeiros de xullo para evitar maiores problemas de tráfico nesta vía.
A obra proporciona unha nova capa de rodadura á autovía e aos ramais de ligazón co repintado das marcas viarias e a instalación de captafaros. Nalgúns tramos será necesario mellorar a drenaxe da auga de choiva. O investimento é superior aos 5 millóns de euros.
Durante estes primeiros días completaranse os traballos de reparación de danos no firme da calzada que quedaron pendentes. Será necesario levar a cabo cortes de carrís alternos. Manterase sempre o tráfico polo carril libre, salvo na zona da ligazón de Ribadumia, onde será desviada a circulación a través da ligazón.
Durante a segunda semana de setembro acometeranse traballos de corrección do peralte nunha curva. Para esta obra cortarase a calzada esquerda da autovía, desviando o tráfico ao carril da outra calzada, utilizando os pasos de mediana máis próximos, segundo a Consellería.
A nova capa de rodadura aplicarase a partir do 16 de setembro. Esta intervención durará cinco semanas se as condicións meteorolóxicas son favorables. Neste caso, desviarase o tráfico entre as ligazóns de Curro e Ribadumia, a través das estradas PO-300, EP-9305 e VG-4.2.
O prazo de execución das obras ascende a oito meses, pero a Consellería confía en finalizalas neste 2019.