A primeira semana de setembro deixará temperaturas superiores aos 27 graos nas Rías Baixas
Por Redacción
Chegou setembro e este domingo deixará unha xornada con nubes durante a mañá que irán desaparecendo nas Rías Baixas ao longo da tarde, deixando grandes claros. Os ventos tomarán un compoñente norte con intervalos de moderado durante a tarde. As temperaturas situaranse entre mínimas de 17 e máximas de 27, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
Durante este luns, as altas presións moveranse cara ao norte e entrarán de novo en Galicia, ofrecendo estabilidade. Espéranse algunhas nubes e néboas á primeira hora pero o ceo manterase despexado a medida que avance a xornada. As temperaturas de madrugada serán baixas pero as máximas da tarde ascenderán chegando aos 29 graos na provincia de Pontevedra. Con todo, a sensación térmica da tarde quedará matizada polo vento do nordeste.
O anticiclón manterase o martes 3 de setembro no norte da península Ibérica, deixando aire cálido en superficie. Espérase unha xornada de ceo pouco nubrado ou despexado con temperaturas máximas en ascenso. Na metade sur de Galicia, a sensación será de calor con temperaturas superiores aos 26 graos. Os ventos soprarán do nordés, frouxos nas Rías Baixas.
As altas presións continuarán ao longo da semana ofrecendo estabilidade e con presenza de ventos do nordés. Os ceos manteranse pouco nubrados ou despexados con temperaturas que se situarán con máximas de 27 graos, que irán rebaixándose a medida que chegue a fin de semana, cando se celebre a Feira Franca pontevedresa.