Font cre que é "esperpéntico" que o PP acuse á Deputación de "sectarismo"
Por Redacción
O deputado provincial Carlos Font cualificou este sábado de "esperpénticas" as declaracións do voceiro do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, que acusou de "sectarismo" ao goberno provincial "en contraste co trato igualitario da Xunta de Galicia".
Font sinalou que "o intento de sacar peito de Cubela porque a Xunta non invalida o convenio que tiña asinado co Concello de Meis a pesar do cambio do goberno municipal só pode mover á hilaridade" dixo en referencia ao convenio de 100.000 euros para o bombeo que dará servizo ao novo parque acuático. "O único que fixo a Xunta de Galicia foi a súa obriga de asinar o convenio que tiña comprometido. Faltaría máis", dixo.
Para o deputado socialista este posicionamento "mostra ás claras o que entende o PP sobre as prácticas democráticas".
"Non podemos tomar en serio a esta xente", afirma López Font
López Font asegurou que a Deputación reparte os recursos "con bases, criterios técnicos, e con equidade, independentemente de que partido político sexa o goberno" e citou como exemplo o concello de Meis, onde ata agora gobernou o PP, "e a Deputación nestes catro anos fixo o maior investimento da súa historia", 3,4 millóns de euros.
O deputado socialista afirmou que "este goberno autonómico é o máis sectario de todos os de España" e citou que nas subvencións da Xunta máis do 85% van para concellos gobernados polo PP.
Finalmente o deputado provincial rematou a súa resposta dicindo que "non podemos tomar en serio a esta xente. Non poder saír dicindo bobadas deste tenor. A verdade é que resulta moi triste".