Ábrese o prazo para apuntarse ás Depoandainas con paseos por Cangas e Cíes
Por Redacción
Este luns 2 de setembro ábrese o prazo na Deputación de Pontevedra para apuntarse á DepoAndaina por Cangas e polas Illas Cíes, que se desenvolverá o 29 de setembro. Trátase do quinto roteiro deste ano coa idea de fomentar a vida saudable e promover o turismo.
A Deputación ofrece 300 prazas para os roteiros que van celebrarse durante a mañá e a tarde do último domingo de setembro. Na sesión matinal, as persoas participantes percorrerán o Bosque Encantado de Aldán e poderán contemplar as vistas da Costa da Vela, no Concello de Cangas.
Despois, desprazaranse ao porto de Cangas para embarcar ás Illas Cíes onde realizarán o roteiro do Monte Faro. A xornada completa conta cunha dificultad de tipo medio cun percorrido de 3 quilómetros en Aldán e 7,5 en Cíes.
A camiñada está aberta a persoas de todas as idades e de toda a provincia. Sairán autobuses da praza de Galicia, en Pontevedra e da praza de España, en Vigo.
O prazo para inscribirse finaliza o 18 de setembro. Para apuntarse deberán cumplmentar o impreso de solicitude que figura na web da Deputación Provincial.
En outubro celebraranse os dous últimos roteiros: o día 6 no monte de Santa Trega na Guarda e aos muíños de Folón no Rosal, mentres que o día 12 realizarase o roteiro de Pedra e da Auga de Ribadumia.