O PP pon á Xunta como "exemplo de trato igualitario fronte ao sectarismo" da Deputación
Por Redacción
O portavoz do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, puxo este venres á Xunta como "exemplo de trato igualitario fronte ao sectarismo" da Deputación.
Cubela lembrou que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta semana o municipio de Meis para ratificar o convenio para a estación de bombeo que dará servizo ao futuro parque acuático e aos veciños de San Salvador e San Vicente.
"Esa ratificación demostra que os cartos se invisten sen mirar a cor política, porque o convenio estaba acordado co anterior alcalde, do Partido Popular, e firmouse sen problema e como debe de ser coa nova rexedora, do Partido Socialista", sinalou Cubela.
Pola contra citou o ocorrido coa mellora da estrada entre O Mosteiro e Arcos, contratada pola Deputación cando estaba gobernada polo PP e presidida por Rafael Louzán "pero que foi paralizada tralo cambio de goberno no organismo provincial".
"A estrada de O Mosteiro a Arcos paralizouse só por cuestións políticas, cando xa estaba en marcha e preto de comezar as obras", asegura Cubela. "Todo quedou paralizado por un problema de sectarismo, que o bipartito da Deputación leva no seu ADN, e os prexudicados foron os veciños de Meis", sentenciou o voceiro popular.
Relacionadas:
-
Font cre que é "esperpéntico" que o PP acuse á Deputación de "sectarismo"
Por Redacción |
-
A Xunta investirá máis de 100.000 euros na mellora do bombeo en Meis para dar servizo ao futuro parque acuático
Por Redacción |
-
A Deputación acusa o alcalde de Meis de "falsificar documentos" e "mentir como un bellaco"
Por Oskar Viéitez |