Carballedo acollerá o Congreso e Concurso Internacionais de Galgos Afganos con case 200 cans
Por Redacción
A localidade de Carballedo vai acoller ao longo desta fin de semana a celebración do Congreso e Concurso Internacionais de Galgos Afganos, que contarán coa presenza de case 200 cans desta raza chegados de diversos puntos de España, Portugal, Italia, Francia e Australia, entre outros países.
Esta cita canina vén de ser presentada na Praza do Concello polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o concelleiro de Deportes, Bruno Portela; e Jaime Rodal, presidente do Club Español de Galgos Afganos Salukis (CEGAS) y demás Lebreles Extranjeros, que é a entidade organizadora coa colaboración do Concello.
Este evento comezará o sábado 31 de agosto pola mañá, dende as 9.30 horas, co concurso e a exposición monográfica destes cans no pavillón municipal de Carballedo.
Está previsto que a competición, aberta gratuítamente a veciños e visitantes, se desenvolva durante toda a mañá e os premios se entreguen sobre as 14.00 horas.
Xa pola tarde comezará o congreso, no salón multiusos da casa consistorial, coa presentación e as ponencias que continuarán o domingo.
Na presentación desta gran cita, Jaime Rodal quixo agradecer a "enorme colaboración" do Concello de Cerdedo-Cotobade para levar a cabo un certame internacional destas características e animou a todos os veciños e visitantes a achegarse ao pavillón para comprobar "a beleza, o cariño e o bo comportamento desta raza de cans".
Pola súa banda, Jorge Cubela quixo agradecer a CEGAS a súa aposta polo concello "para celebrar un evento de relevancia mundial" e amosou o absoluto apoio do goberno local con esta actividade "tal e como facemos coas iniciativas de carácter internacional ou nacional ou aquelas que achegan a moita xente as nosas terras". "Somos un concello de referenza na organización de certames deportivos, sociais ou culturais e son moitos os eventos que queren estar en Cerdedo-Cotobade e que practicamente enchen de actividade todas as fins de semanas", manifestou o alcalde.
O rexedor, que convidou á veciñanza a que se achegue a esta cita, especialmente ao concurso e á exposición "pola súa vistosidade e dinamismo", e destacou que este evento "ven de ateigar todos os aloxamentos e casas de turismo rural do noso municipio que admiten cans, o cal demostra que, ademais da importancia do evento, este trae consigo unha sinerxia socioeconómica de moita relevancia".