Todos os ollos son poucos para loitar contra o lume: así funciona a célula de seguimento da operación Centinela Gallego na base da Brilat
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O Cuartel Xeral da Base General Morillo da Brilat en Figueirido engadiu desde o 15 de agosto unha nova tarefa ao seu funcionamento diario. É o día en que comezou a operación Centinela Gallego de vixilancia e prevención de incendios forestais e o día en que se activou a célula de seguimento da mesma. A dirección militar do operativo corresponde ao xeneral xefe da Brilat, Antonio Romero Losada, e, para poder executala, estableceuse unha célula de seguimento que cada mañá lle dá cumprida noticia do ocorrido nas 24 horas anteriores. Compóñena cinco militares que, por quendas, cobren as 24 horas de servizo.
Son os ollos que todo o ven e o saben, pero ninguén os ve a eles. Encárganse da parte aparentemente máis tediosa do traballo e poñen en marcha todas as engrenaxes para que no monte todo saia segundo o previsto. O seu propio nome xa indica cal é o seu labor: realizan un control en tempo real de cada patrulla.
Unha gran pantalla preside a sala na que se reúnen e mostra en tempo real a situación das 27 patrullas de militares da Brigada Galicia VII e do Terzo Norte de Infantería de Mariña despregadas neste momento da operación -poderán aumentarse no caso de que un aumento do risco así o xustifique-. Os responsables desta célula de seguimento van rotando semanal ou quincenalmente, ata despregar a un total de 55 en toda a operación, e esta semana asume a Xefatura o comandante Cordovilla, xa curtido nestas lides en anos anteriores. Mentres as localizacións sobre o terreo parpadean, explica que fan desde a base para que todo funcione sobre o terreo.
Ademais de estar sempre ao tanto de onde está cada patrulla, un control que permiten os avances en loxística e os sistemas de seguimento por satélite, préstanlle asistencia a todo o que necesiten. Esta tarefa especifica asúmea esta semana o brigada Álvaro, capitán de batalla. A súa función principal é "la coordinación de todas las células" e responder ás "necesidades que tenga las patrullas" e, dado o caso, "dar autorización o modificar despliegues".
Por poñer un exemplo: se un dos vehículos militares sofre unha picada ou se necesita unha reparación porque un cinto de seguridade falla, el encargarase de resolver a incidencia, dá igual a hora do día ou da noite. Nestas tarefas conta coa axuda do cabo primeiro Núñez, auxiliar do capitán de batalla, que lle "auxilia en lo que necesite" e asísteo na ardua tarefa de "llevar las estadísticas y el control" de toda a operación.
As estatísticas adoitan parecer un ente que aparece encima das mesas ou no sistemas informáticos por encantamento, pero nesta operación é por arte do brigada Álvaro, que recolle os datos xerados durante 24 horas e notifícaas polos cauces estipulados no convenio que reeditan cada ano desde 2007 o Ministerio de Defensa e a Consellería do Medio Rural da Xunta.
Recompilan os datos todo o día. Se hai incidencias, infórmase as cadeas militar e civil. Xa ao día seguinte, analízanse e o seu estudo permite ir modificando a operación para mellorar os seus resultados. Móvense patrullas "si hay necesidad" e vaise adaptando o despregamento. "Vamos moviendo las unidades como si fuera un ejercicio militar", explica gráficamente o comandante Cordovilla. E estes días, de feito, tomaron unha decisión importante neste sentido, pois, analizadas as horas ás que se rexistraron as incidencias, "vamos a estar más activos en el arco nocturno".
Todas as tarefas da célula de seguimento encamíñanse a facilitar o traballo sobre o terreo e mellorar os resultados da operación e, para facelo, con certa frecuencia tamén eles pisan terreo, unha das tres áreas nas que se divide a operación: Azor (provincias de Pontevedra e parte de Ourense), Aguia (A Coruña) e Falcón (Ourense). As 27 patrullas actualmente despregadas percorren oito distritos forestais das tres provincias. Nesas incursións, resulta clave a figura do cabo Nogueira, condutor do vehículo de apoio da célula de seguimento que, ante unha causa sobrevida ou para levar ao mando, desprázase a terreo.
Esta operación que este ano se despregará ata o 30 de setembro ten unha misión preventiva que resulta ano tras ano máis efectiva en tanto que supón ter en todas as zonas consideradas de risco un sistema de detección e alerta temperá que permita a actuación dos equipos de resposta da forma máis rápida e eficaz posible.
Coa presenza destas patrullas nos montes galegos, prodúcese cada ano un descenso do número de incendios forestais en toda a zona, ata tal punto que o xeneral Romero xa acuñou a máxima de "donde está la Brilat, no hay incendios".
Na célula de seguimento explican que a misión "es muy exigente" e toda ela encamíñase a que esa máxima siga sendo unha realidade. Á vista das estatísticas que recompila cada día a célula de seguimento, de momento, este ano estase cumprindo. Ao 29 de agosto detectaran 13 conatos, tres incendios e catro queimas de restrollos, un total de 20 incidencias nas que se queimaron 21 hectáreas fronte ás 140 dun ano antes. A maiores, están "al servicio del ciudadano", de modo que atenden a calquera emerxencia. Este ano, por exemplo, xa axudou en dous accidentes de tráfico.
A súa tarefa é preventiva, pero, en caso de detectar un risco inminente, tamén actúan. Así, se ven un pequeno conato que xa detectan que poden atallar, fano directamente. Se é maior, alertan ás autoridades. A súa primeira alerta non é á célula de seguimento, senón que as patrullas están na rede de transmisións da Xunta de Galicia e o primeiro que fan as avisar aos medios de extinción.
A continuación, avisan á célula de seguimento, independentemente da hora do día ou da noite. Esta semana, por exemplo, fixérono de madrugada por un conato na zona Aguia. E aí establécese unha coordinación entre a dirección militar e a civil da operación. O oficial de ligazón é, nestes días, o sarxento primeiro Ces, que asume unha coordinación que é constante, con reunións periódicas e contacto permanente.
Son moitas as cuestións que hai que coordinar entre as dúas administracións implicadas, pero tamén co comité policial de incendios, no que tamén están a Garda Civil e a Unidade de Policía Nacional Adscrita á Xunta de Galicia, a Policía Autonómica.
Unha liña de traballo que esixe moita colaboración é o uso do avión non tripulado dentro do operativo. Neste caso, contan cun modelo Raven e, para o seu uso, necesitan un informe de viabilidade favorable do Exército do Aire e unha autorización da torre de control de Santiago de Compostela, responsable da navegación aérea en Galicia -o control da navegación é nacional e na comunidade coordínase desde a Santiago-, pero tamén é preciso coordinalo coa Xunta, pois é incompatible co uso de medios aéreos de extinción. Tamén é necesario ter en conta as condicións meteorolóxicas, pois, por exemplo, con néboa non pode voar.
A coordinación e a información son claves nesta misión. Así, ademais de ter moi en conta as estatísticas xeradas polo traballo de cada patrulla, na célula de seguimento tamén teñen en conta datos como as previsións meteorolóxicas ou informes como o IRDI (Índice de risco diario de incendio forestal). Todo se ten en conta para ir adaptando o operativo e mellorar a súa efectividade. Terminada a operación, farase balance para determinar se segue sendo efectiva e tamén a acollida que está a ter.
De momento, aseguran que "la acogida es total" por parte da poboación e as autoridades civís e policiais. Ademais de sentirse eficaces, senten queridos por aquela poboación coa que traballan, agarimo que, en lugares como A Cañiza, viron de forma palpable en accións como o esforzo realizado para mellorar a base da patrulla despregada nesa zona.
Relacionadas:
-
A Brilat volverá patrullar os montes este verán para loitar contra os incendios
Por Natalia Puga |
-
A UME pecha o seu despregamento estival en Figueirido: "La mejor noticia es que este año hayamos tenido poca actividad"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
A Brilat forma a exércitos de España, Italia e Portugal en combate en zonas boscosas
Por Redacción |
-
O xeneral Romero Losada asegura que "no ha habido incendios en ninguna de las zonas donde ha patrullado la Brilat"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Brilat lánzase ao monte esta semana para sumarse á campaña contra os incendios
Por Natalia Puga |
-
Medio Rural atrasa este ano a presenza de militares nos montes na campaña de prevención de incendios
Por Natalia Puga |
-
A Brilat pecha a operación 'Centinela Gallego' cun 88% menos de lumes
Por Redacción |
-
A Brilat súmase desde o domingo á campaña de prevención de incendios forestais
Por Redacción |