O PP denuncia unha prórroga irregular na concesión da piscina de Campolongo
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra denunciou mediante un comunicado, o que entende como "prórroga irregular" na explotación da piscina de Campolongo.
Segundo manteñen o PP o contrato coa empresa que xestiona as instalacións, Serviocio, acaba de ser ampliado por cuarta vez "cos informes contrarios de secretaría e intervención municipais".
Baseándose nestes informes os populares manteñen que a prórroga recén resolta polo Instituto Municipal de Deportes se remonta ao 2010, prazo no que debería concluír a concesión: "o contrato asinado o 4 de xullo de 2000 reflicte un prazo improrrogable de dez anos".
O PP asegura ademais que o caso é similar ao que denunciaron hai catro meses en relación ao contrato para a conservación de parques e xardíns, concesión adxudicada a Elsamex.