Coa limpeza a man dos restos arqueolóxicos, o Campillo de Santa María loce ante os turistas
Por Redacción
Miles de turistas achéganse pola contorna de Santa María durante este verán. Alí observan os restos descubertos da muralla de Pontevedra na zona do Campillo.
Durante estas xornadas está a finalizar a limpeza a man dos restos arqueolóxicos que se atopan nesta zona. Estes traballos son responsabilidade da Concellaría de Patrimonio Histórico que dirixe o edil do BNG, Xaquín Moreda.
Para levar adiante esta actuación foi necesario contar cun informe arqueolóxico no que se explicase en que ían consistir os traballos garantindo que se aplicarían técnicas non agresivas. Por este motivo, os operarios retiraban este martes cada silva e malas herbas coa man.
Antes destes últimos traballos, levou a cabo durante estes meses a roza de toda a herba e cortábanse as enredadeiras, que segundo o concelleiro, chegaban xa ata a rúa Arcebispo Malvar.
Tamén na última semana, os operarios levaron a cabo a limpeza de restos de lixo e matogueiras que se atopaban no xacemento situado en Valentín García Escudero, no que se atopan restos da muralla, así como da ponte do Burgo da época medieval e do dique do porto.