O novo persoal do plan de emprego comeza o desbroce da rede de camiños de Folgoso
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está a acometer o desbroce de toda a rede municipal de camiños e pistas da parroquia cerdedense de Folgoso ao abeiro do programa municipal de limpeza de estradas, que beneficia a todo o termo municipal, co novo persoal que vén de incorporarse ao abeiro do novo plan de emprego.
Deste xeito, o acondicionamento de cunetas e beiravías nas pistas de Folgoso, que se está a facer de xeito manual para acadar un mellor resultado, estase a intensificar nestes días e está previsto que queden completamente rematados o vindeiro mércores.
O Concello, que arrancou con este plan a comezos do verán, ten previsto rematar nos vindeiros días a primeira fase dos desbroces en todo o termo municipal, chegando aos 82 quilómetros da rede da que é titular a administración local, e para elo só restan completar unhas pequenas zonas correspondentes coa parroquia de Santa María de Sacos.
En calquera caso, e tendo en conta que as primeiras actuacións datan de hai máis de dous meses, dende o goberno local anunciouse que vai comezar de inmediato unha segunda fase, que posiblemente chegará de novo a todo o concello ata os meses de setembro e outubro.
"Hai zonas nas que xa medrou bastante a herba e a maleza e como a nosa intención é prestar sempre a mellor atención aos veciños imos seguir limpando todas as nosas estradas durante as vindeiras semanas cunha segunda fase que, dependendo das circunstancias, podería chegar de novo ás 21 parroquias", detallou o alcalde, Jorge Cubela, que explicou que este traballo continuo "é posible grazas á incorporación de quince persoas co noso novo plan de emprego, que inclúe a oito traballadores sufragados con fondos propios e a outros sete con recursos provinciais e que realizarán esta labor durante os vindeiros catros meses".
O rexedor local quixo destacar o gran traballo realizado pola brigada municipal de Obras, complementada con este persoal, "xa que actua de modo moi exhaustivo e con gran celeridade para limpar as pistas e mantelas cunha axeitada visibilidade e cuns bos parámetros de seguridade".