Malestar polas formas do Concello co mercado de antigüidades: "Non houbo ningunha conversa previa nin nada, foi a saco"
Por Natalia Puga
A decisión do Concello de Pontevedra de prohibir o mercado de antigüidades que se celebra desde o ano 1997 primeiro na praza da Verdura e despois na rúa Serra para poñer en marcha unha regulación causou malestar entre os vendedores polo que supón e, sobre todo, pola forma en que se aplicou, pois aseguran que ninguén lles comunicou previamente ningunha decisión e enteráronse este domingo cando a Policía Local chegou ao lugar e lles entregou a notificación de que a partir do próximo domingo 1 de setembro xa non poderían volver celebralo. Pese a que inicialmente a decisión era prohibir toda actividade, finalmente, algúns si poderán facelo, aqueles que teñan autorización municipal previa.
Micki, un deses vendedores, valora que é algo que está "mal hecho", pues "es una putada para todos, pero, además, ni nos preguntaron". A súa crítica céntrasena "forma" en que se fixo e tamén na decisión en si, pois"hay gente que vive de esto" e non tivo nin tempo para organizarse.
No seu caso, adícase a reciclar e vender cousas porque lle gusta e "ilusiona" todo o que supón de "relacionarse con xente, facer amigos, compartir", máis como un "hobbie" que como medio de vida, pero si coñece moitos casos de xente para a que esta actividade de venda ambulante é a súa fonte de ingresos principal.
Ante esta situación, cre que "esto no se hace así" e que se trata dun tipo de mercado que se celebra en toda Europa, que en Pontevedra é xa unha tradición e non se pode agora prohibir de repente porque "a alguien se le enciende una bombilla".
No medio dese clima de malestar, a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, mantivo na mañá deste luns un encontro con tres portavoces do colectivo de vendedores do mercado de antigüidades no que lles informou sobre os pasos que se van a dar para regularizar a súa actividade. A edil explicoulles que o proceso xa está en marcha e que finalmente haberá unha etapa de transición, na que unicamente permitirá seguir instalando os seus postos na contorna da rúa Serra os vendedores que contan co tarxeta de autorización municipal selada por Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Tras a reunión, un deses portavoces, Alberto Martínez, rexeitou facer unha valoración a PontevedraViva, pois está previsto que este martes haxa unha reunión de todos os vendedores na que lles informarán do encontro coa concelleira e adoptará unha postura conxunta como colectivo sobre como van encarar esta nova etapa.
En canto ao malestar, é xeralizado e este domingo puido comprobalo Paco, responsable do bar Torres de César Boente, ao que van cada domingo os vendedores que montan o mercado. Segundo explica, chegou a Policía Local e entregoulles a información indicando que a Concellería de Promoción Económica, que leva a socialista Yoya Blanco, prohibía o mercado, "sen dar máis explicacións", tan só alegando que dificulta o acceso ao mercado de persoas con discapacidade que acoden ao novo Gastroespazo O Mercado.
"Non sei onde está o problema cando o acceso para discapacitados está no lateral", valora este hosteleiro, que critica que aos vendedores nin lle deron explicación de se se ían ubicar noutro lugar nin os motivos. "Non houbo ningunha conversa previa nin nada, foi a saco", engade.
Tamén cre que é unha decisión equivocada Luisa, responsable dun pequeno comercio situado na rúa César Boente que abre cada domingo. Asegura que lle da a vida e que "de luns a luns, o mellor día da semana para min é o mercadillo". Segundo explica, "hai domingos que abro e, como tendeira, é o mellor día da semana", o que implica "cando peche, eu xa non volverei abrir máis os domingos. Para quen abro? Non hai xente ningunha".
Na súa opinión, debería promoverse esta actividade, pois "fainos falta que veña xente para aquí". Así, indica que se cada vez hai máis tendas pechadas e sacan o mercadillo, "aquí non hai nada".
Fronte a estas críticas, este luns a Asociación de Ambulantes de Galicia, a través da súa presidenta en funcións, Marga González Bértola, considera que é unha decisión "excelente" prohibilo ata a súa reubicación e regularización.
Esa é, precisamente, unha das loitas do colectivo que representa, e que ten como lema 'Ambulantes iguais, todos legais'. Na súa opinión, o mercado de antigüidades era unha "competencia desleal" non só para os ambulantes, senón para todo o comercio de Pontevedra e da comarca.
Relacionadas:
-
O PP quere aprobar unha norma para potenciar o mercadillo de antigüidades
Por Redacción |
-
O "mercadillo" dominical volve desenvolverse sen incidencias, unha semana despois da súa retirada
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Concello e vendedores chegan a un acordo polo mercadillo de antigüidades
Por Almu Dapena |
-
Os vendedores do mercado de antigüidades organízanse de cara á regulación e nova etapa da actividade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Só 30 vendedores, con permiso municipal, poderán participar transitoriamente no mercado de antigüidades
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Retiran o mercado de antigüidades da rúa Serra por estar "ilegal" e xeran malestar entre os vendedores
Por Redacción |