Cheo na Alameda de Ponte Caldelas para a Red Tour da orquestra Olympus
Por Redacción
A Red Tour da orquestra Olympus fixo unha parada nas Festas das Dores de Ponte Caldelas na que era unha das citas máis agardadas desta festas e, confirmando todas as previsións, acabou abarrotando a Alameda.
Olympus ofreceu ao público un directo de máis de tres horas no que non faltaron os clásicos, os vals e un repaso polas cancións máis exitosas deste verán. O espectáculo de luces e son estivo moi presente xunto coas numerosas coreografías dos artistas desta orquestra que fixeron que o público non deixase de mover o esqueleto durante toda a actuación.
O concerto comezou ás 23.30 horas e prolongouse ata ben entrada a madrugada da man de Jorge Ferré (ex compoñente da orquestra Panorama) Néstor Peña (ex compoñente do Combo Dominicano) Nakary Palumbi (ex compoñente da Panorama) Tania Domínguez (La Fórmula) e Fer Sánchez (Aché).
As festas continúan en Ponte Caldelas este luns. Pola mañá haberá pasarrúas e un concerto da Banda de Música ás 13.30 horas na Alameda. Ás 21.00 horas terá lugar o Festival 'Son de Ponte Caldelas' na Alameda, organizado pola Banda de Gaitas e de Baile Os Coribantes. Contará coa participación dos diferentes grupos musicais do municipio.
A xornada rematará con verbena a partir da medianoite amenizada pola orquestra Ibiza Band e varios DJ´s.
Este martes, 28 de agosto, é un dos días con máis tradición nesta Festa das Dores de Ponte Caldelas, un día que ven completo de actividades con pasarrúas, concerto da Banda de Redondela e ás 20.00 terá lugar a misa solemne na honra de San Roque, unha misa que será cantada pola Coral Valdarrosa, do concello. A continuación sairá a procesión que estará acompañada pola Banda de Gaitas Os Coribantes e pola Banda de Guerra da Brilat.
O día rematará cunha verbena que dará o seu comezo ás 23.00 e pechará o seu telón, tal e como manda a tradición, ás 8.00 da mañá. Actuarán Combo Dominicano e as orquestras La Oca Band e Nevada Band.
Relacionadas:
-
O violinista Casey Driessen imparte unha clase maxistral e un concerto en Xustáns
Por Redacción |
-
As Festas das Dores, as máis participativas da historia de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Nove horas de verbena co Combo Dominicano poñen fin ás Festas das Dores de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os 'triunfitos' Famous e Ricky Merino tamén triunfan en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
3, 2, 1... Ponte Caldelas está en festas!
Por Redacción |