Gústache a cervexa artesanal? As mellores de Galicia, este sábado na #BarroCervexaFest
Por Redacción
Os amantes da cervexa artesanal teñen este sábado unha cita ineludible en Barro. Alí celebrarase a I Festa das Cervexas Artesanais de Galicia, un evento no que os seus organizadores prevén despachar máis de 500 litros de cervexa artesana. Na #BarroCervexaFest participarán as fábricas Dama Alaricana, Adegas Menduiña, De Lago e Saramagal, que ofrecerán as súas cervexas na zona de Barosa.
Desde as 12.30 horas ata as 24.00 horas os visitantes poderán degustar ata 10 variedades de cervexa artesanal galega das catro fábricas, acompañadas da típica salchicha 'Brackwurst', a un prezo de catro euros. Serán cinco euros se a cervexa é 'premium'.
Catro destas cervexas de calidade 'premium' degustaranse nunha cata ás 18.30 horas, na que tamén participan as denominacións de orixe protexidas e os produtos con indicación xeográfica protexida de Galicia, Castaña de Galicia, Mel de Galicia, Queixo Tetilla, Queixo Arzúa-Ulloa, Pan de Cea, Pemento de Herbón e San Simón da Costa. Para participar na cata é necesaria preinscripción a través do mail fervenzadabarosa@gmail.com.
Ademais, Inia Vilar, artista e pintora de cadros realizados con cervexa exporá as súas obras, 14 en total nos Muíños de Barosa, onde a artista explicará aos visitantes os detalles do seu traballo, desde as 12.30 ata as 20.00 horas.
Con este evento, a Asociación Cultural Amigos da Fervenza da Barosa busca promover o turismo local, a promoción económica, e a difusión dos produtos galegos e de calidade controlados polas IXP e DOP xunto ás cervexas artesanais da comunidade.