Mar, paseo e praia énchense para gozar do espectáculo pirotécnico de Loira
Por Redacción & Mónica Patxot
Como cada ano, a modo e peregrinaxe, miles de persoas volveron a acudir na noite deste sábado á praia de Loira para acudir á cita central das festas da parroquia: o espectáculo pirotécnico realizado no propio areal. Os fogos de artificio non decepcionaron e ofreceron 20 minutos de lucerío que, ao seu termo, arrincaron un gran aplauso.
Este ano, a petición os veciños, a data dos lumes pasouse do habitual penúltimo venres de agosto a este sábado 24 de agosto para facilitar a asistencia de público todas as actividades e o cambio resultou todo un acerto. A cita adoita ser multitudinaria e nesta ocasión cumpriu todas as expectativas: tanto o oco da praia no que as condicións de seguridade permiten situarse os espectadores como a estrada e o paseo de acceso e o propio mar enchéronse.
A maior parte dos espectadores optaron por gozar do espectáculo desde terra, pero, como é habitual desde hai anos, embarcacións particulares e navieras situáronse fronte á praia e encheron o mar das inmediacións para ter un miradoiro privilexiado para ver as luces en todo o seu esplendor.
O espectáculo, único na comarca, foi o colofón a unha xornada enteira de festas que empezou xa coa sesión vermú da Charanga Noroeste. Pola tarde non faltaron a tradicional festa da escuma. a instalación de inchables e un touro mecánico na praia, acompañados pola actuación da Charanga Charandonga.
Xa pola noite, ás 22:30, o Grupo Distrito 7 actuou na verbena popular, quentando motores para a tirada de lumes de medianoite. Tras o lucerío, volveu a música e a actuación do DJ Rubén Díaz baixou o pano dos festexos.