O PSOE de Cerdedo-Cotobade acusa ao Concello de ter "dúas varas de medir" en relación co PXOM
Por Redacción
O PSOE de Cerdedo-Cotobade bótalle en cara ao alcalde do municipio, o 'popular' Jorge Cubela, que goberna un mesmo concello con "dúas varas de medir" pola súa actuación en relación co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) nos dous municipios que agora conforman un único concello fusionado, Cerdedo e Cotobade.
Así, cuestionan que despois de dous mandatos, Jorge Cubela, non foi quen de sacar adiante o de Cotobade, o que supón que os veciños de Cerdedo e os de Cotobade non se regulan polo mesmo documento urbanístico: os de Cerdedo contan cun PXOM pero os de Cotobade teñen que rexerse por unhas normas subsidiarias.
A voceira do PSOE, Lina Garrido, considera "lamentable" que Cubela non avanzase nada nesta cuestión despois de máis de oito anos á fronte do Concello e que o PXOM continúe atascado despois de case dez anos.
Así, lembra que en 2014 o propio Cubela anunciaba que a Xunta de Galicia aprobaría o plan antes de finalizar ese mesmo ano, e cinco anos despois "continuamos igual ou peor", posto que logo da fusión "semella que hai espazos de primeira que se poden rexer por un PXOM e espazos de segunda que teñen que acollerse a normas subsidiarias".
Dende a fusión baixouse o imposto do ICIO, que facilita a construción; pero Lina Garrido pensa que en Cotobade, ao non ter o PXOM aprobado, as propias normas dificultan a edificación. De feito, considera que o alcalde tomou unha medida "para enganar aos veciños, totalmente demagóxica".
Os socialistas consideran que é moi importante para Cotobade dispor dun PXOM en condicións que permita á veciñanza e ás empresas ter claro como vai avanzar Cerdedo-Cotobade a nivel urbanístico. Veno unha medida "primordial" para asentar e atraer poboación, pero tamén para que o municipio se poida desenvolver a nivel empresarial.