San Luis e Star Center repártense as tendas de Darty en Galicia e abrirán dúas en Pontevedra
Por Redacción
Apenas dous meses logo do seu peche, a tenda de electrodomésticos que a cadea Darty tiña na Praza de Galicia volverá abrir as súas portas. Farao da man da marca Star Center, que chegou a un acordo coa multinacional francesa para adquirir tres das súas tendas en Galicia. Así o explican nun comunicado remitido a PontevedraViva.
Star Center, cadea de tendas de electrodomésticos que destacan por ser un referente en novas tecnoloxías, pasará a xestionar a través dun dos seus accionistas maioritarios, Electrodomésticos Domínguez S.L., os locais que Darty tiña en Pontevedra, Vigo e Ponferrada. Agarda dar traballo, entre as tres, a unahs 50 persoas e a súa apertura está prevista para o mes de xullo.
A inauguración destas novas tendas, segundo Star Center, "confirma o esforzo e o compromiso da compañía por expandir a súa marca e servirá como punto de inflexión para desenrolar unha comunicación máis cercana e accesible ao seu público e clientes potenciais". Aseguran que se trata dunha decisión que está orientada a manter os postos de traballo, apostando polo sector e a profesionalización do comercio tradicional.
Este novo proxecto empresarial coincidirá co que impulsa o antigo dono de San Luís, Lorenzo López. Tamén chegou a un acordo con Darty para substituilo no mercado galego. Recuperará dita marca comercial, que tamén tivo o establecemento de Pontevedra da Praza de Galicia. Así o anunciou nunha roda de prensa celebrada este venres na Coruña.
San Luís reabrirá dez tendas do grupo en Galicia e Castela e León. Esta iniciativa implicará a apertura, a partir do 15 de agosto, das tendas situadas en Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense, Vigo e Pontevedra) e no municipio leonés de Ponferrada.
Coa recuperación da súa marca, San Luís creará 100 postos de traballo, deles 60 antigos empregados de Darty e 40 de nova creación. Manteranse os locais que tiñan as antigas tendas, salvo en Pontevedra, Vigo e Ponferrada, onde debido á venda dos mesmos a Star Center, buscaranse novos baixos comerciais, do mesmo xeito que nunha das tres tendas que o grupo terá na Coruña.
O capital social ascenderá aos 9 millóns de euros e prevese unha facturación de entre os 10 e os 15 millóns. Lorenzo López apuntou que, entre os seus obxectivos, estará recuperar a formación do persoal, unha "buena" selección do produto, tendas máis reducidas en tamaño e o deseño dunha páxina web que achegue a tenda ao comprador.
"Me apunto a este reto por mis compañeros y porque hay que transmitir un mensaje de esperanza", destacou Lorenzo López, quen explicou de que o proxecto consensuarase coa multinacional francesa de electrodomésticos. Así, avanzou que esta fixo de intermediaria para que os seus distribuidores proporcionen o produto a San Luís.