Andorra la Vella cambia o seu centro urbano inspirándose no modelo de Pontevedra
Por Redacción
En marzo de 2017, representantes do goberno de Andorra la Vella, coa alcaldesa Conxita Marsol Riart á fronte, visitaban Pontevedra para estudar o modelo de cidade. Pasados máis de dous anos, a rexedora enviou unha carta ao alcalde pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores para convidarlle a que visite a capital situada nos Pireneos e comprobar os cambios que executaron inspirándose na cidade do Lérez.
Na carta, Conxita Marsol sinala que acometeron a remodelación do principal eixo viario e comercial da cidade, a avenida Meritxell, de máis dun quilómetro de lonxitude e a contorna deste espazo.
A máxima representante de Andorra la Vella, a cidade máis poboada dos Pireneos con preto de 23.000 habitantes, sinala que convida a Fernández Lores para que vexa o cambio que a vila experimentou en mobilidade e pacificación urbana, ademais de para expresar o recoñecemento público á cidade que serviu de "modelo e inspiración" desa transformación, na que se dá preferencia aos peóns.
O alcalde pontevedrés recolleu a invitación e comprométese a unha futura visita a esta capital, ademais de animala a que continúe co proxecto de mellora urbana. Ademais, lémbralle que Pontevedra volverá acoller con "moito agarimo" aos representantes da capital máis alta de Europa cando desexen repetir a visita.
Relacionadas:
-
Lestoux&Associés estuda en Pontevedra trasladar o modelo de cidade a un programa do goberno francés
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A reordenación do tráfico de Pontevedra, no punto de mira de Italia
Por Almu Dapena |
-
A preocupación polo cambio climático aumenta os convites internacionais a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Andorra La Vella visita Pontevedra para "aprender" do seu modelo urbano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Andorra, Grenoble e Sète, interesadas no modelo de cidade de Pontevedra
Por Redacción |