O PSdeG-PSOE quere "negociar" coa Xunta por ENCE e Monte Carrasco para desbloquear o PXOM
Por Alejandro Espiño
Nin volver enviar á Xunta o PXOM xa redactado, nin cambialo por completo nin deixar a súa redacción nas mans do goberno galego. O PSdeG-PSOE cre ter atopado unha cuarta vía para avanzar na tramitación do novo PXOM. Os socialistas apostan por adaptar o plan redactado incluíndo os cambios legislativos habidos desde 2011 e negociar coa Xunta os aspectos máis controvertidos do plan: ENCE, Monte Carrasco e a edificabilidade permitida.
Así o explicou o portavoz do PSdeG-PSOE, Antón Louro, ao remate da reunión que mantivo este venres unha comisión de políticos e técnicos municipais co equipo redactor do plan, a empresa Consultora Galega. "ÿ unha obviedade que o PXOM ten que ser legal, pero hai cuestións que se prestan a interpretación", afirmou Louro, para xustificar a postura que decidiu manter o grupo municipal socialista.
Louro apostou porque Consultora Galega adapte o PXOM redactado, que data de xuño de 2011 e xa inclúe a Lei do Solo de 2010, e se adapte á lexislación urbanística e sectorial que se aprobou posteriormente. Pero deixando fora ENCE, Monte Carrasco ou o volume de edificabilidade permitida. Son cuestións todas elas que os socialistas queren "dialogar e conversar" coa Xunta de Galicia.
"Queremos empezar a negociar polas partes que teñan menos dificultade, onde cremos que podemos chegar a un entendemento e deixar para o final as cuestións que se prestan a diferentes interpretacións", explicou o concelleiro socialista. Como ENCE, cuxo Plan Sectorial está no xulgado ou Monte Carrasco "que todo indica que non se vai facer e a Xunta se quere pode derogalo, é algo que custará moito, pero pódese facer".
Ademais, o PSdeG-PSOE quere revisar os obxectivos e principios cos que se empezou a deseñar o novo PXOM e xurdidos dunha comisión político, técnica e cidadá en 2003. "Dez anos despois é necesario comprobar se hai que poñer ao día eses criterios porque as cambiaron as circunstancias económicas e políticas". En todo caso, será logo de ver o estado xurídico administrativo do contrato con Consultora Galega.
Moi próximo a esta postura atópase tamén o Partido Popular, aínda que con lixeiros matices. Segundo indicou Ricardo Aguilar, os populares tamén apostan por retomar o plan xa redactado. "Está clarísimo que la mejor idea pasa por aprovechar el trabajo ya hecho y adaptarlo a la normativa vigente", dixo, ao recordar que tan só habería que incorporar o Plan de Ordenación do Litoral, os plans sectoriais de ENCE e Monte Carrasco "y poco más".
Aguilar sinalou que o PXOM de Pontevedra non pode obviar ditos plans sectoriais porque "la ley es la ley y te guste o no te guste hay que incluirlos en el documento". Por iso, mostrou o seu "total desacuerdo" coa opción de deixar pendente de ordenación ambos espazos e tomar a decisión máis adiante porque, insistiu, "non podemos negar a lei". Se isto é así e se acompaña con informes técnicos, dixo, a Xunta "está disposta a aprobar calquera PXOM".
O BNG NON ACEPTARA INCLUÍR ENCE E MONTE CARRASCO
Desde as filas do BNG, foi Luís Bará nesta ocasión o que quixo deixar claro que fronte á "diferenza de posturas" de PP e PSdeG-PSOE, os nacionalistas "mantivemos a nosa defensa polo PXOM tal e como se tramitou non seu momento coa unanimidade do resto dos grupos políticos". Asegurou Bará que adaptalo á legalidade como queren os populares é "renunciar a cuestión centrais" como reducir a edificabilidade e aceptar ENCE e Monte Carrasco.
Por iso pediulles a populares e socialistas que expliquen claramente "se cuestionan ou non o modelo de cidade do noso concello", porque insistiu en que iso é o que está en xogo se se aceptan as directrices que marca a Xunta. E neste sentido reiterou que o BNG "non vai aceptar iso", xa que se se segue adiante co plan entenden que hai que incluír senllos plans sectoriais. "Non pode quedar fóra e quedar para un posterior debate".
En todo caso, os acordos tomaranse no seo da próxima comisión de infraestructuras, aínda sen data. Será alí cando se determine se Consultora Galega pode seguir ou non coa redacción do PXOM, porque segundo Bará "non está claro o que se lle quere encargar" e os técnicos municipais terán que estudar se é factible adaptar o contrato ou haberá que sacar un novo proceso de licitación.