O bo tempo acelerou a maduración da uva albariña
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar o último aviso fitosanitario semanal da actual campaña, debido á proximidade da vendima e da colleita doutras froitas, no que informa de as boas temperaturas desta semana facilitaron o aceleramento da maduración da uva albariña nas parcelas de seguimento habituais (practicamente todas as uvas están xa brillantes), constatado no laboratorio da entidade.
En canto ás principais enfermidades da viña, no caso do mildio, incrementáronse as manchas recentes debido as condicións rexistradas (as choivas do día 18) e á non realización de tratamentos cúpricos desde hai tempo.
Con todo, desde a EFA sinalan que as temperaturas tan elevadas destes días provocarán, nalgunha zona, unha perda da capacidade de xerminar das fructificacións do fungo.
Por outra banda, nas zonas altas dalgunhas viñas en emparrado, onde non chegaban os tratamentos, os técnicos observaron xa unha defoliación, sen incidencia sobre a produción porque hai vexetación suficiente este ano.
O persoal da Estación recomenda que tanto nesas viñas como naquelas outras onde vaian aparecendo manchas de xeito significativo, así como nas que tiveran sufrido ataques mal controlados da enfermidade nalgún momento da campaña, se realice un tratamento cúprico despois da vendima antes da caída das follas, para favorecer o bo agostado da madeira e reducir tamén o nivel de inóculo do fungo para a seguinte campaña.