O CHOP aclara que os nenos con diabete foron atendidos "con normalidade" e os pais que "non houbo especialista"
Por Redacción
O Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) e a Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (Anedia) manteñen unha discrepancia sobre a atención que recibiron os pacientes infantís con esta patoloxía durante o tempo no que a única pediatra especialista da área sanitaria norte estivo de baixa. Mentres a Administración sanitaria sostén que os nenos foron atendidos "con normalidade", os pais insisten en que durante varias semanas "non houbo especialista".
Esta discrepancia ten o seu orixe no acto da plataforma SOS Sanidade Pública celebrado este xoves na Praza de Ourense, no que a presidenta de Anedia, Ana Pérez, denunciou que na área sanitaria norte de Pontevedra só hai unha pediatra especializada en diabete infantil e cando esta falta da consulta por cuestión de baixas ou vacacións ("algo ao que ten dereito", aclaran), os nenos con diabete quedan desatendidos. Como exemplo, puxo a situación vivida nas últimas semanas, nas que a especialista estivo de baixa e non a substituiron.
Esta denuncia levantou este venres unha reacción por parte do CHOP. Nun comunicado, aclarou que durante o período en que a pediatra que habitualmente realiza este tipo de atención específica estivo de baixa, as consultas "foron reprogramadas e realizadas por outros pediatras" do servizo e por profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra expertos en educación diabetolóxica, "atendéndose a todos os pacientes pediátricos diabéticos con normalidade".
Anedia: "Nós nunca dixemos que non atenderan os nenos, senón que non os atendía un pediatra especialista"
"Na área sanitaria de Pontevedra non se deixou en ningún momento de atender os nenos afectados por esta patoloxía", sinala o comunicado. Frente a esta afirmación, a presidenta de Anedia quixo aclarar que "nós nunca dixemos que non atenderan os nenos, senón que non os atendía un pediatra especialista" e explicou que durante a última baixa da doutora titular "de normalidade, nada".
Ana Pérez explica que "as consultas non as cubriron" e que os pacientes que foron ao Hospital Provincial por urxencia ou requeriron unha atención por emerxencia foron atendidos por un pediatra, pero sen especializade en diabetoloxía, "non hai máis especialistas que unha".
Como exemplo fala dunha nena de catro anos recén diagnosticada de diabete que estivo ingresada no Provincial e recibiu a alta sen que a atendera unha pediatra especialista, senón só pediatras sen especialización. Si que recibiron atención de nutricionistas.
O CHOP engade no seu comunicado que paralelamente ás consultas funciona un obradoiro de educación diabetolóxica, tamén para os pacientes pediátricos, destinado a orientar os nenos e as súas familias sobre todo o relacionado coa enfermidade. Anedia responde que "nós o que demandamos non é unha actividade formativa puntual, queremos unha consulta de educación diabetoloxica, como a que teñen os adultos".