A Valedora do Pobo admite a trámite unha queixa de Bueu sobre o libre acceso á Illa de Ons
Por Redacción
A Valedora do Pobo acaba de admitir a trámite a queixa presentada polo Concello de Bueu en relación coa acceso da veciñanza á Illa de Ons, no que se defende o libre acceso ao arquipélago fronte ás restricións establecidas pola Xunta de Galicia dentro do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O Concello recibiu un escrito esta semana no que a Valedora expresa que unha vez estudada a súa queixa, "dámola por admitida" ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei do Valedor do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, alcalde de Bueu, acudiu á Valedora o pasado mes de xullo cun escrito no que reclamaba o dereito da veciñanza a acceder á Illa de Ons, sen a imposición de carnés, dado que sostén que estes non aparecen no Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
O seguinte paso é que a Valedora inicie as actuacións oportunas ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para coñecer a súa postura ante o asunto.
Desde o Concello de Bueu defenden que a veciñanza non pode ser considerada como visitantes e que, polo tanto, debe permitírselles acceder con total liberdade ás súas vivendas, non só aos concesionarios/as senón tamén ao seu entorno e círculo familiar, xa que eles e elas constitúen elementos fundamentais de Ons e forman parte do seu patrimonio vivo e inmaterial.
O rexedor xa avanzou en varias ocasións que o Concello pensará moi seriamente se continuar co apoio á declaración deste espazo como Patrimonio da Humanidade, pois "non se entende que se vaia en contra da propia humanidade" nunha clara alusión á veciñanza que desde sempre accedeu á Illa de Ons e ás súas vivendas libremente.
Por outra, banda, Juncal mantivo esta mañá unha conversa telefónica coa Directora Xeral de Patrimonio Natural, na que esta lle asegurou que a veciñanza non ía ter problemas de acceso esta fin de semana con motivo da celebración da festa de San Xaquín.
Relacionadas:
-
O alcalde de Bueu, cos veciños de Ons na súa loita contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
A conselleira de Medio Ambiente comparecerá a petición propia no Parlamento para falar dos accesos á Illa de Ons
Por Redacción |
-
Os veciños de Ons e Abel Caballero, fronte común contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
Ana Pontón acusa a Xunta de discriminar a veciñanza de Ons no acceso á Illa
Por Redacción |