Veciños de Ponte Sampaio esixen a presenza de vixiantes na praia durante toda a semana
Por Manu Otero
Os veciños de Ponte Sampaio séntense discriminados. Mentres a praia fluvial do Lérez conta con servizo de socorristas diario, a do Verdugo, á que acoden moitos máis bañistas, soamente ten vixilancia durante a fin de semana. Trátase dunha vella reivindicación veciñal, que non entenden os motivos polos que lle denegan este servizo e temen que algún día haxa un accidente. "En concellos como Sanxenxo que hai trinta praias entendo que non haxa socorristas en todas, pero en Pontevedra, que só hai dous, non o entendo", cuestiona Ramón Agulla, da asociación Heroes de Ponte Sampaio.
Nos días calorosos de verán, todos os veciños da parroquia acoden a este areal. "Veñen centos de persoas, un día pode pasar calquera cousa e as ambulancias tardan vinte minutos en chegar", puntualiza este veciño.
O agravio comparativo coa outra praia fluvial do concello caldea aínda máis os ánimos da parroquia. "Parece que somos veciños de segunda", denuncia unha bañista. No areal de Ponte Sampaio, o servizo de vixilancia de fin de semana préstao Cruz Vermella, mentres que no de Monteporreiro hai socorristas contratados directamente polo Concello que traballan por quendas e a diario.
Non é o único problema que padecen na parroquia limítrofe con Soutomaior. "Hai problemas co tráfico, sobre todo nas horas de entrada e saída do colexio", engade Eugenio Peón, antigo portavoz da asociación de veciños do lugar. Tamén hai protestas pola falta de aparcamento e a falta de limpeza da area.
Relacionadas:
-
O Concello pon a mirada na praia de Ponte Sampaio: instala baños e estuda contratar socorristas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas presume de bandeira azul na súa praia fluvial
Por Redacción |
-
Douscentos socorristas vixiarán as praias da ría de Pontevedra este verán
Por Manu Otero | Creada e actualizada