O can que aprendeu a escribir estende a súa área de actuación
Por Almu Dapena
Como se puido ver estes días, en Pontevedra hai un can que aprendeu a escribir co computador e deixou un cartel na entrada dunha tenda da Rúa San Antoniño pedindo desculpas por facer pis na fachada dos edificios.
PontevedraViva adiantou a existencia desta mascota tan divulgativa nos últimos días, pero o que non se sabía era que ese só era o comezo da historia do 'can escritor', xa que ampliou a súa área de actuación ata os arredores de Juan Bautista Andrade onde se puideron ver numerosos carteis nos que "el mejor amigo del hombre" volvíase desculpar polo comportamento do seu dono.
A diferenza do cartel que se puido ver por primeira vez, nestes últimos o can aprendeu a usar a cor vermella, destacando a falta de educación e respecto da persoa que o saca a pasear.
Con esta actuación, os veciños das zonas afectadas volven reclamar civismo por parte da xente que pasea aos cans xa que non lles custa nada levar aos animais "al campo de aquí al lado" e manter as rúas limpas por respecto á cidadanía.