O Demo sairá de festa este venres polas rúas da Boa Vila
Por Oskar Viéitez
O Demo sairá de festa este venres polas rúas da Boa Vila. Será este venres 23 de agosto cando os habitantes do averno co Demo á cabeza sairán dos Arcos de San Bartolomé para percorrer nunha comitiva, a partir das 12.30 horas, as prazas e rúas do centro histórico. Como sempre, os menores, que tamén poden acudir á cita disfrazados con roupaxes infernais, tentarán tirar do rabo ao maléfico ser do tridente como manda a tradición. E uns e outros se farán bromas e travesuras.
O Demo volverá saír a partir das 20.00 horas repetindo o paseo pola zona monumental. Pero o diaño nunca viaxa só e nesta ocasión, virá acompañado por música e festa.
Ás 21.00 horas, a praza de José Martí acollerá o tradicional Concerto de San Bartolomé, a cargo da Banda de Música de Salcedo. E ás 21.30 horas, as celebracións continuan na praza de Curros Enríquez coa Foliada do Demo, a verbena popular que traslada ao público aos anos 50 coas actuacións de Os Chichisos e a charanga Os Centenarios.
Será unha verbena "desenchufada" xa que non terá megafonía nin luces, "cero watios" chanceou o portavoz dos Chichisos, Xosé Feijóo.
Durante este mércores a concelleira de Festas, Carme da Silva e Xosé Feijoo, integrante de Os Chichisos, presentaban esta foliada sinalando que un dos principais obxectivos é recuperar o baile agarrado. Na recreación da verbena non faltará a vendedora de rosquillas.