O Liceo Casino recoñece os cincuenta anos de fidelidade dos seus Socios de Honor
Por Redacción
O Liceo Casino de Pontevedra rende homenaxe os seus Socios de Honor no transcurso dun xantar celebrado no Parque de Verán da Caeira. Trátase daqueles asociados que contan cunha antigüidade ininterrompida de 50 anos como socios de número.
Este ano foron un total de nove os recoñecidos como Socios de Honor: Vicente Brotóns Hevia, Enrique Cervera-Mercadillo de Dios, Víctor Collazo Pérez, Darío Fernández Fernández, Rafael Santiago Fontoira Surís, Miguel A. Martínez Regueiro, Carlos Mauricio García de Padín, Evangelino Rubio Gómez e José Luis Vázquez-Lescaille Fernández..
Os socios chegaron ao Parque de Verán acompañados polos seus convidados, familiares e amigos. Todos eles foron recibidos pola directiva que preside Jaime Olmedo.
Tras realizar a tradicional foto de familia, os comensais asistentes foron ocupando as súas mesas para degustar un menú especialmente deseñado para o evento composto por uns variados entrantes a base de bocados de empanadas galegas, mini ensalada rusa, gambas ao allo, luriñas enceboladas e croquetiñas caseiras de ibérico; o prato principal constaba dun codillo con verduras de verán e cachelos confeitados; e, como sobremesa, un semifrío de amorodos con nata.
Finalizado o xantar, deu comezo a cerimonia de homenaxe na que os novos Socios de Honor recibiron, de mans da directiva do Liceo Casino, a insignia de ouro que recoñece os seus cincuenta anos de fidelidade, ademais dun diploma acreditativo.
O presidente do Liceo Casino, Jaime Olmedo, dedicaba unhas afectuosas palabras aos homenaxeados, sinalando a achega dos Socios de Honor e as súas familias a unha sociedade que xa cumpre 164 anos.
Comezaba o seu discurso con mencións especiais ás directivas que lle precederon. "Cabe lembrar á directiva de Ernesto Baltar, que foi a quen lle tocou reconstruír o edificio social unha vez que se incendiou en 1980; e, en particular lembrar tamén á directiva de José Ángel Fernández Arruty, que ao longo de moitos anos logrou poñer o Liceo Casino no lugar que se merece". Desta directiva formaba parte un dos novos Socios de Honor, o arquitecto Rafael Fontoira "que fixou os criterios para ter a piscina climatizada e o luxo do pavillón que temos, que hoxe constitúe unha das patas fundamentais da nosa sociedade"; e quen foi o encargado de intervir en nome dos novos Socios de Honor para agradecer á directiva este acto tan cargado de agarimo e bos recordos.