Evacúan en helicóptero un home ferido cando practicaba paracaidismo en lancha motora en Sanxenxo
Por Redacción
Un home resultou ferido na tarde deste martes e tivo que ser trasladado en helicóptero ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela tras sufrir un accidente cando practicaba paracaidismo en lancha motora en Sanxenxo.
O ferido, segundo a información do 112, caeu á auga mentres facía paracaidismo en lancha motora na praia de Silgar.
Segundo puido saber o 112 Galicia, a persoa accidentada foi sacada da auga por varias persoas particulares, que a levaron ata a praza do Mar, no porto deportivo de Sanxenxo, onde recibiu asistencia.
O accidente rexistrouse sobre as 18.26 horas deste martes. O home, de iniciais J.F.M., ten 48 anos de idade, segundo a información facilitada por Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para alertar do ocorrido e, acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata o lugar dos feitos un helicóptero medicalizado, dúas ambulancias de Soporte Vital Básico e persoal sanitario do PAC de Sanxenxo.
Ademais, o persoal do 112 Galicia pasou o aviso á Policía Local, ao GES de Sanxenxo e aos axentes da Garda Civil.
Segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, o home estaba a usar o parascending de Sanxenxo cando se lle partiu a corda e acabou no mar, enredado na tea do paracaídas.