Novas cámaras e sistemas de gravación reforzan a seguridade dos xulgados de Caldas
Por Redacción
A Xunta de Galicia acaba de rematar unha serie de melloras para garantir a seguridade do edificio xudicial de Caldas de Reis, entre as que se inclúe a instalación dun novo sistema CCTV, dotado de seis cámaras (cinco interiores e unha exterior), un monitor de 19 polgadas, un gravador, dous discos duros e un Sistema de Alimentación Ininterrompida (SAI).
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o xefe territorial da Consellería de Presidencia en Pontevedra, Ramón Piñeiro, visitaron este martes os xulgados de Caldas de Reis para coñecer de primeira man as melloras acometidas pola Xunta, que supuxeron un investimento de 12.000 euros.
Segundo informaron, esta actuación forma parte do Plan de Infraestruturas Xudiciais da Xunta, que supuxo o investimento de máis de 100 millóns de euros para acometer tanto grandes proxectos como outras obras, de menor magnitude, pero moi relevantes de cara a mellora das instalacións. Este plan estase a mellorar cun proxecto de renovación do mobiliario, para o que prevé un investimento duns cinco millóns de euros ata 2021.
No marco deste proxecto, iniciouse unha primeira fase para a instalación ou renovación das cámaras de vixilancia nun total de 16 edificios xudiciais en Galicia, cun investimento superior aos 200.000 euros. Estas primeiras instalacións, xa rematadas, comprenderon tanto edificios xudiciais de cidades como Pontevedra, como edificios dos partidos xudiciais das vilas con maior número de órganos xudiciais, como Vilagarcía ou Cambados.
Na segunda fase estanse a abordar a instalación do sistema CCTV nos edificios dos partidos xudiciais con maior poboación e que contan con dous xulgados co obxectivo de que as principais sedes xudiciais de Galicia dispoñan destes sistemas de seguridade.