90% de ocupación hoteleira en Poio na primeira quincena de agosto
Por Redacción
Durante esta primeira quincena do mes os aloxamentos turísticos de Poio rexistraron unha ocupación media do 90%, cifra algo inferior respecto ao ano pasado, probablemente debido á inestabilidade meteorolóxica deste verán. Estes datos foron facilitados pola Concellaría de Turismo do Concello de Poio coa información obtida nas oficinas de turismo municipais durante a primeira quincena do mes de agosto.
En canto ás previsións para a segunda quincena de agosto, as reservas nos establecementos roldan o 70% de ocupación, porcentaxe que seguramente incrementarase como ven sendo habitual nesta época da tempada estival.
3.328 visitantes se achegaron ata as oficinas de turismo municipais nesta primeira quincena de agosto, é un lixeiro incremento respecto ao número de visitantes atendidos na mesma época no ano 2018, dos cales un 94% foron de procedencia española e un 6% de procedencia estranxeira.
De entre os visitantes nacionais destacaron, en primeiro lugar, os procedentes de Madrid (24,5%), seguidos dos visitantes procedentes de Andalucía (11,2%), Cataluña (11%) e País Vasco (9,2%).
En relación aos visitantes internacionais destacaron os turistas procedentes de países como Francia (28,6%), Alemania (7,8%), Reino Unido (7,8%) e Arxentina (7,3%).
Por outra banda, os principais motivos para elixir o municipio de Poio foron en particular a singularidade de Combarro e a gastronomía, así como a natureza e cultura en xeral.