Operativo especial de tráfico con motivo das festas en Combarro
Por Redacción
Entre o mércores 21 e o domingo 25 de agosto van desenvolverse dous acontecementos que sumarán milleiros de persoas ás rúas de Combarro en Poio: a Festa do Mar e o Armadiña Rock. Para tentar facer fronte ao numeroso público durante estas vindeiras xornadas, a Policía Local de Poio estableceu un operativo especial de tráfico para unha zona na que habitualmente se rexistran retencións na circulación.
Para garantir os accesos a Combarro, durante as mañás e as tardes, a aquelas persoas que se acheguen ata a Mostra Gastronómica e ás exposicións no Peirao da Canteira, a Policía Local recomenda que se aparque na zona da Seca-Reiboa, no estacionamento do cemiterio, no do tanatorio ou nos situados no IES Fontenla e no CEIP Chancelas. Son espazos de estacionamento que se atoparán sinalizados. O Porto da Canteira permanecerá aberto ata o límite de prazas dispoñibles.
Os autobuses que precisen acceder ao Centro Histórico de Combarro poderán realizar a carga e descarga de pasaxeiros na zona de acceso ao porto e nesa contorna, coa obriga de abandonar o centro de Combarro para permitir a circulación.
Durante a noite, o plan de seguridade cidadá terá como obxectivo principal garantir ás persoas asistentes á seguridade e a convivencia cidadá. Vai realizarse unha especial atención a que se desenvolvan sen incidencias os concertos que se levarán a cabo dentro da programación do Festival Armadiña Rock. A Policía Local incrementarase en catro patrullas que se atoparán a disposición da cidadanía na zona da Praza da Chousa.
Entre os operativos previstos para estas actividades estará unha ambulancia, tres técnicos sanitarios e un médico. Para calquera demanda, as persoas que asistan poderán poñerse en contacto coa Policía Local a través do teléfono 689.575.495.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Poio, coa vista posta nunha nova ampliación de persoal
Por Redacción |
-
Dous detidos por vender marihuana, fungos alucinóxenos e outras drogas sintéticas durante o Armadiña Rock
Por Redacción |
-
O Concello de Poio valora moi positivamente a última edición da Festa do Mar
Por Redacción |
-
A Polcía Local de Poio busca os donos de objetos perdidos nos concertos do Armadiña Rock
Por Redacción |
-
Xosé Constenla, pregoeiro e músico en acústico no Armadiña
Por Almu Dapena |
-
Armadiña Rock, un festival artesán que tras once anos aínda trae novidades
Por Oskar Viéitez |
-
Combarro prepara un "sinfín de actividades" para a Festa do Mar
Por Almu Dapena |