Proposta a Fomento para que incorpore un dos carrís da autovía ao paseo a Praceres
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Concello de Pontevedra plantexaralle ao Ministerio de Fomento que se incorpore un dos carrís de circulación da autovía de Marín ao segundo treito da senda peonil e ciclista a Praceres. Así o comprometeu este luns o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, despois dunha xuntanza co colectivo ciclista Pedaladas.
Segundo salientou o edil do PSOE, "evidentemente, trataríase dunha actuación moito máis branda que a contemplada no proxecto para o primeiro treito", a base de sinalización horizontal e algún bolardo, de xeito que os ciclistas poidan circular con total seguridade en todo o paseo.
Durante a reunión con Pedaladas, os integrantes da asociación trasladáronlle ao concelleiro a súa preocupación pola actual solución para o segundo treito do proxecto, ao entender que "é preciso incrementar a sección, porque 2,5 metros de ancho é insuficiente para que convivan peóns e ciclistas".
A idea que lle trasladará o Concello a Fomento pasa por suprimir un dos carrís de circulación do segundo treito da autovía, ao igual que se fará no primeiro, e incorporalo á nova senda.
O portavoz de Pedaladas, Quique Pérez amosou o seu desexo de que, nun futuro, "poida ser realidade unha conexión entre Pontevedra e Aguete", se ben matizou que "a conexión das praias de Marín a través dun carril bici é unha decisión política que lle compete á Xunta".
VÍAS VERDES
Outro dos asuntos que se tratou na reunión con Pedaladas foi o estado e posibilidades de tramitación das vías verdes previstas en Pontevedra. Neste sentido, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural explicou que xa solicitou unha entrevista coa Adif "para desbloquear a execución da senda entre Pontevedra e Arcade".
Tal e como precisou, nestes intres, existe unha "diferencia de criterio" entre o Concello e a Adif, que quere empregar a vía ferroviaria para os trens de mercadorías "pero na reunión que manteñamos tentaremos convencelos de que fagan a senda verde por aí".
VÍA VERDE EN MONTE PORREIRO
Máis despexado a curto prazo parece o futuro do proxecto para conectar o Mosteiro de Lérez co Mirador de Monte Porreiro a través dunha vía verde. Iván Puentes lembrou que a antiga ponte do tren sobre o Lérez xa está completamente a disposición do Concello de Pontevedra, "polo que o horizonte queda despexado para facer realidade esta actuación".
Tanto o edil do PSOE como Pedaladas comparten o soño de xerar unha gran senda verde que atravese toda a fachada Atlántica da provincia, un plan que comezaría a tomar forma conectando coa cidade capitalina a vía proxectada entre Portas e Vilagarcía. "Hai moitos treitos de vías e camiños que se atopan esquencidos e que se poderían utilizar nunha conexión co carril bici entre Oia e A Guarda e coas ecovías do Norte de Portugal", afirmou Puentes.