O centro de maiores de Campo Lameiro estará listo en mes e medio
Por Almu Dapena
O centro de maiores de Campo Lameiro estará rematado "nun prazo de mes e medio", asegurou o deputado de Cooperación, Santos Héctor, durante a visita ás obras realizada durante a mañá deste luns.
Esta nova instalación, ofrece un espazo para promover a convivencia e a integración social, onde se ofrecerán coidados e atención de carácter persoal, terapéutico e social incorporando un uso deportivo con espazo para a actividade física adaptada ás persoas maiores. O centro está dividido en catro volumes entre os que destaca a zona de fisioterapia, ximnasio e hixiene, onde se atoparán os aparellos necesarios para realizar as actividades.
Trátase "dunha obra que estaba a ser moi demandada ao longo destes anos polos veciños, que reclamaban un espazo de estancia para as persoas de maior idade", sinalou o deputado.
Grazas a esta actuación "Campo Lameiro vai contar cunha instalación esencial para o coidado dos maiores, unha dotación moi necesaria especialmente no rural", engadiu.
Pola súa banda, o alcalde Carlos Costa, quixo destacar que "este centro é moi necesario porque o rural envellece cada vez máis".
As obras, que contan cun orzamento de 517.000 euros, están financiadas no Plan Reequilibrio e o Plan Concellos.