Homenaxe plural a Alexandre Bóveda na Caeira
Por Oskar Viéitez
O monumento a Alexandre Bóveda na Caeira viviu este ano unha homenaxe plural no Día da Galiza Mártir ao contar cunha asistencia dos principais partidos con representación na comunidade.
Asistiron representantes do BNG, Partido Socialista, Partido Popular, En Marea e Anova neste acto no que se reclamou "a verdade, a xustiza e a reparación" das vítimas da represión franquista.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu "medidas de recuperación da memoria histórica, anular os xuizos franquistas, que se institucionalice esta data como o día da Galiza Mártir, que fagamos algo por recuperar os bens espoliados polo franquismo, e que se poña fin á impunidade, algo que está reivindicando a ONU, que di que non pode haber unha lei de amnistía que signifique un punto e final para crimes contra a humanidade, como foron os que se cometeron aquí desde o ano 1936".
Pola súa banda, o deputado de En Marea no grupo mixto Pancho Casal apelou á "memoria rescatada" para que as "máis de 5.000 persoas asasinadas e as represaliadas" polo franquismo "non caian no esquecemento e non se repitan as atrocidades padecidas" durante esa etapa, especialmente no caso das mulleres. "Sufriron a represión por partida dobre: por defender a República e a liberdade, e por ser mulleres", engadiu.
O portavoz nacional de Anova e viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, xustificou a súa presenza para "achegar" o seu "gran de area" ao recordo e "axudar a reparar ás vítimas e ás súas familias a súa dignidade, que foi atropelada no 36".
A homenaxe contou coa presenza de deputados provinciais e concelleiros do BNG, PSdeG-PSOE e do PP nos concellos de Pontevedra e de Poio, xunto cos alcaldes nacionalistas de ambos os municipios Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano sobral, respectivamente; a edil de Avante Poio, Silvia Díaz; outros dirixentes do BNG como Bieito Lobeira e o deputado autonómico Luís Bará; representantes das asociacións de recuperación da memoria histórica de Marín, Vilaboa e Vigo; e do ámbito da cultura e a literatura.
Durante a ofrenda floral, a filla do homenaxeado, Amalia Bóveda, destacou que as demandas das familias das vítimas da represión "comezan a ser interpretadas en clave transversal" e argumentou que "a memoria atravesa a todos, sen excepción". Así, referiuse á procura de "a verdade, a xustiza e a reparación" como un "rasgo desa parte da sociedade que quere avanzar".
Tamén rexeitou a "división" como un "erro" no que "non caer", fronte á "xenerosidade" para "conseguir as ansias de progreso dos mártires galegos" nun "futuro soñado que está por vir".
En representación da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, agradeceu, en clave política, a "asistencia plural" a este acto. "Estamos no camiño de institucionalizar que a sociedade entenda que é merecido", explicou o neto de Bóveda, para quen "a única esperanza dos asasinados era que algún día íaselles a homenaxear".
Relacionadas:
-
Nova petición para institucionalizar o Día da Galiza Mártir, que a Xunta se abre a avaliar "con tranquilidade e sosego"
Por Natalia Puga |
-
O Día da Galiza Mártir adáptase á situación sanitaria e pecharase cun concerto
Por María José Pita | Creada e actualizada
-
Pontevedra recupera a 'memoria neta' das familias vítimas da represión franquista
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra lembra ás vítimas do franquismo no día da exhumación do ditador
Por Manu Otero |
-
Pontón afirma que o BNG irá "a por todas" no caso dunha nova cita coas urnas no mes de novembro
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |