As confrarías do fondo da ría abordarán coa Xunta a retirada de algas e estrelas de mar
Por Redacción
Os representantes das confrarías de Lourizán, Pontevedra, Raxó e Bueu reuniranse este martes coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez para abordar o problema xerado pola praga de estrelas de mar na ría de Pontevedra.
Os patróns maiores solicitarán axuda á Consellería do Mar para preservar os bancos de ameixa fronte ao impacto producido pola presenza masiva deste voraz depredador.
Sobre a mesa exporase un plan de traballo conxunto para coordinar a retirada das estrelas de mar e tamén a acumulación de algas no fondo mariño ou sobre a area.
As algas afogan ao marisco ao provocar a perda de osíxeno.
Os técnicos xustifican a gran presenza de algas no exceso de nitróxeno e fósforo que teñen as Rías Baixas, ademais doutros factores como as correntes mariñas, o vento e a alta temperatura da auga este verán.