Portas mellorará o sistema de bombeo en Xagobe-Vilaverde
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo este venres unha xuntanza co alcalde de Portas, Ricardo Martínez, para coñecer de primeira man as necesidades do municipio. Nesta visita puido comprobar os resultados dos traballos realizados ao amparo das convocatorias de axudas de Vicepresidencia.
Alfonso Rueda, que estivo acompañado na visita a este concello pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, destacou a importancia de continuar a traballar de xeito coordinado coa Administración local para dar resposta ás demandas da cidadanía e mellorar a súa calidade de vida con máis e mellores servizos á súa disposición.
A Xunta concedeu en Portas nos últimos anos máis de 300.000 euros para acometer actuacións de mellora na rede de saneamento, no alcantarillado e na estación de captación de auga municipal, así como a instalación de iluminación pública.
A colaboración autonómica tamén permitirá levar a cabo este ano melloras nas instalacións da Casa do Concello e no sistema de bombeo en Xagobe-Vilaverde.