A Autovía do Salnés rexistra retencións quilométricas
Por Redacción
O día asollado e caloroso que gozan as Rías Baixas neste xoves 15 de agosto, festivo en todo o territorio nacional, animou a miles de persoas a pasar a xornada na praia.
Isto produciu un intenso tráfico en todas as estradas, especialmente na autovía do Salnés que durante a mañá sufriu importantes retencións.
Unha quilométrica caravana de vehículos colapsou a entrada en Sanxenxo e Portonovo, así como o acceso á praia da Lanzada. Igualmente a PO-308 sufriu importantes retencións en Poio en dirección ao Grove.
Tráfico espera que estes atascos volvan a vivirse a última hora da tarde co retorno das praias polo que recomenda tomar as debidas precaucións e armarse de paciencia.
As festas de San Roque que celebran algunhas localidades como Portonovo ou Combarro están a engadir complicacións derivadas da masiva afluencia de xente.
Esta circunstancia repítese alén da ría, en toda a península do Morrazo, con tráfico lento en municipios como Marín e Bueu.