O Concello incrementa en 50.000 euros o convenio de colaboración coa Fanpa
Por Redacción
A Concellería de Educación xa puxo en mans do servizo municipal de Intervención para a súa revisión o futuro convenio de colaboración entre o Concello e a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa). O edil socialista Tino Fernández precisou que, "se ben a cantidade definitiva podería variar e aínda non se pecharon tódolos flecos, co novo acordo, a cantidade pasará dos 210.000 euros que se viñan achegando a cando menos 258.000 euros, é dicir, case 50.000 euros máis".
A inminente sinatura deste convenio permitirá que a Fanpa poida xestionar o servizo de comedor escolar e o Plan Madruga en 18 centros educativos de Pontevedra, así como subvencionar boa parte das actividades extraescolares que organiza. Tal e como subliña Tino Fernández, o novo acordo, que "dá de comer diariamente a uns 1.100 nenos do municipio", aumentará de xeito moi substancial a cobertura de rapaces en risco de exclusión social, ao pasar dos 32 aos que se viña dando servizo ata o dagora a 45 (e ademais incorporaranse no mes de setembro en lugar de en outubro, como acontecía antes).
O concelleiro de Educación agarda que este convenio, "esencial para o conxunto da comunidade escolar pontevedresa", poida asinarse a finais de mes, xa que "conta co beneplácito dambas partes". "O incremento da achega do Concello é moi importante como contía -indica o edil do PSOE-, pero o seu valor social é aínda moito máis relevante".
As conversas para negociar o novo convenio iniciáronse o pasado 22 de xullo, nunha reunión que Tino Fernández mantivo co presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, e o seu vicepresidente, Ángel Sánchez. O último acordo de colaboración asinado data do ano 2014 e, en conscuencia, xa se esgotaron os catro anos de prórrogas que permite a lexislación, sen que ademais se producisen modificacións nos seus termos e condicións.
A Fanpa xestionará a través do acordo coa Concellería de Educación os comedores escolares dos CEIP A Carballeira, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Barcelos, Cabanas, Campolongo, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Parada (Campañó), Ponte Sampaio, San Bieito de Lérez, Santo André de Xeve e Vilaverde, así como do CEP Marcos da Portela e os EEI Concepción Crespo Rivas e Fina Casalderrey.