A CIG acusa a unha empresa de transportes de represión sindical e acoso laboral
Por Manu Otero
O sindicato CIG acusa a unha empresa de transportes situada en Salcedo de represión sindical e acoso laboral a un traballador. Desde a agrupación aseguran que a empresa Transportes Montes Orozco modificou os horarios e roteiros dos camioneiros para impedir que acudisen a votar e favorecer a unha das candidatas, pertencente á sección de oficinas e filla do empresario. A CIG impugnou o proceso e Inspección de Traballo ordenou repetir as eleccións.
O principal prexudicado é Manuel Pazos, un camioneiro con máis de vinte anos de antigüidade na empresa e que exercía ata as últimas eleccións como delegado de persoal. A resposta da entidade á impugnación do proceso foi a de impoñer unha sanción ao traballador, polo que a CIG acudirá á Fiscalía para que investigue se se está cometendo un delito contra a liberdade sindical.
A orixe de todo o conflito está nas malas condicións laborais que soportan os camioneiros desta empresa que transportan mercadorías perigosas por diversos países da Unión Europea. "Fan xornadas diarias de 15 horas", denuncia o secretario comarcal da CIG, Marcos Conde.
"Non hai tempo nin para o descanso de 45 minutos salvo que nos coincida coa hora da comida, mesmo temos que durmir na porta do cliente, no medio dun polígono industrial", quéixase o traballador de 61 anos. Ademais denuncia que realizan unha media diaria de 700 quilómetros e "co GPS como te equivoques ou che pares por algo xa che están chamando".
Esta situación non se produce soamente na empresa denunciada, "hai conflitos con máis empresas do transporte", recoñece a axente da CIG, Cecilia Tarela. O sector precisa máis man de obra pero en lugar de mellorar as condicións de traballo e contratar novos traballadores "explotan aos que teñen en persoal", alerta a sindicalista, que denuncia que os salarios non superan os 1.000 euros e incúmprense os horarios e xornadas de descanso.