O afeccionado. Eses miles de persoas que acudiron á Feira Taurina da Peregrina nesta recentemente concluída edición de 2019 son os triunfadores da mesma a criterio dos participantes no segundo faladoiro taurino de PontevedraViva Radio. Todos eles coinciden en destacar o incremento de público que tiveron os festexos deseñados para esta ocasión, o cal non ha de entenderse cun "confórmome" co feito de que a empresa reducise a Feira.
Pepé Maquieira, xestor da web Taurophilos; Raúl Martínez, membro da peña Miuras, Guillermo Juncal, membro da peña Que Dios reparta suerte e Juan Riveiro, presidente da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra, apuntan ademais a sobresaliente resposta que tivo a Bancada Nova. Nestas Conversas na Ferrería expoñen as súas opinións sobre trofeos, faenas, ganderías e situacións varias que se viviron no coso de San Roque.
Ademais destes interlocutores no estudo, vía telefónica tamén participa Chapu Apaolaza, portavoz da Fundación Toro de Lidia, quen comenta asentenza do Tribunal Constitucional que anula, case integramente, a Lei Balear do Toro, de forma que o pasado 9 de agosto volvía celebrar un festexo taurino no Coliseo mallorquino. De igual forma, e entre outras, responde as cuestións expostas sobre as consecuencias de proferir insultos, calumnias ou incitacións ao odio a través das redes sociais contra aquelas persoas relacionadas ou afíns á tauromaquia.